|
O Igape ven de deseñar un novo plan de financiamento para as pemes a través do Programa Re-imaxina. O plan consiste na habilitación de tres liñas de financiamento que xorden da colaboración entre o propio Igape, as entidades financeiras e diferentes sociedades de garantía recíproca. Poderán ser beneficiarios das liñas de financiamento, ademais das microempresas, emprendedores e pemes, as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que carecendo de personalidade xurídica poida levar a cabo as actividades que motivan a concesión da subvención. Nestes casos deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Así mesmo, non poderá ser disolta a agrupación ata transcorridos os 4 anos de prescrición legal. O obxectivo que se pretende é facilitar o financiamento nos investimentos das microempresas, dos emprendedores e das PEMES para a súa mellora competitiva. Trátase de tres liñas independentes polo que non poderán concorrer no financiamento dun mesmo proxecto préstamos das distintas liñas. Si serán compatibles con outras axudas públicas e privadas sen que, en ningún caso, poida superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola normativa da Unión Europea. A continuación describiremos as diferentes liñas:
Liña 1. Microempresas: Esta liña é específica para aquelas empresas, con domicilio fiscal en Galicia, que teñan a consideración de Microempresas e que teñan algún centro de traballo na Comunidade Autónoma galega. Poderán concorrer a mesma as empresas de tódalas actividades económicas agás actividades relacionadas coa exportación, a creación de redes de distribución e investimentos vinculados á actividade de exportación e actividades do sector do carbón. Os requisitos do proxecto serán que o investimento deberá consistir na adquisición de activos a terceiros e será financiado ata o 100% dos investimentos considerados como financiables. O risco vivo de cada empresa por operacións financeiras formalizadas ao abeiro desta liña non poderá superar os 25.000 €. O prazo de reembolso será de 5 anos, incluído ata 1 ano de carencia de todos modos o beneficiario/a poderá amortizar sen custo a operación financeira de xeito anticipado, total ou parcialmente. Respecto aos investimentos e/ou gastos computables, polo que se refire a inmobilizado material poderemos imputar reforma e axeitamento de locais, bens de equipo e unidades funcionais de explotación independente, elementos de transporte, exclusivamente vehículos industriais, agás vehículos de transporte de mercadorías por estrada por parte de empresas que realicen esta actividade por conta allea, honorarios facultativos de proxecto e dirección de obra e outros investimentos en activos fixos materiais. Dentro do inmobilizado inmaterial, poderemos imputar gastos orixinados por aplicacións informáticas, propiedade industrial e intelectual, canons de entrada de concesións administrativas ou de franquías e investimentos de acondicionamento realizados nun local arrendado sempre que queden definitivamente incorporados a aquel. As condicións do préstamo serán un tipo de xuro nominal anual aplicable fixo do 3,144 %.
Liña 2: Peme Xove: É unha liña de financiamento específica para Pemes que exerzan ou teñan intención de exercer a súa actividade económica en Galicia, xa sexa en forma de persoa física ou xurídica de obxecto empresarial e que non veñan desenvolvendo a mesma actividade para a que solicita o financiamento nun prazo superior a dous anos a contar dende a data de presentación no Igape. Poderán concorrer a esta liña de axudas empresas de tódalas actividades económicas agás: actividades relacionadas coa exportación, a creación de redes de distribución e investimentos vinculados á actividade de exportación e actividades do sector do carbón. Respecto as características do préstamo o importe mínimo será de 25.000 € a o máximo de 120.000 €. O risco vivo de cada empresa por operacións financeiras formalizadas ao abeiro desta liña non poderá superar os 120.000 € e o importe dos préstamos será de ata o 90% dos investimentos subvencionables. Polo que se refire ó prazo de reembolso será de entre 5 e 7 anos, incluído ata 1 ano de carencia, se ben cabe a amortización parcial ou total de forma anticipada sen custo. As amortizacións anticipadas parciais poderán aplicarse a reducir, en igual contía, as cotas de amortización restantes. Respecto ós investimentos e/ou gastos computables, poderanse imputar a esta liña os mesmos conceptos que na liña “Microempresa” e ademais dentro do inmobilizado material a adquisición de terreos e edificacións e no inmobilizado inmaterial, os aprovisionamentos e gastos necesarios para a posta en marcha do proxecto, incluíndo os gastos de establecemento, cun máximo do 20% do importe financiable. Finalmente respecto as condicións do préstamo o tipo de xuro nominal anual variará por semestres naturais conforme ás seguintes normas: para o ano 2009: 2,980% e para cada un dos restantes semestres naturais, o tipo de xuro nominal será Euribor a 6 meses máis o tipo adicional.
Liña 3: Peme Competitiva: Poderán acceder a esta liña aquelas Pemes que veñan exercendo a súa actividade económica en Galicia, por un período superior a dous anos nalgunha das actividades recollidas no Anexo II das bases reguladoras desta convocatoria. Os principias requisitos son, operación mínima 25.000 € e importe máximo 120.000 €. O risco vivo de cada empresa non poderá superar os 120.000 €. E o importe subvencionable será de ata o 75% dos investimentos subvencionables. Establécese un prazo de reembolso de entre 5 e 7 anos, incluído ata 1 ano de carencia, sendo posible nesta liña tamén a amortización parcial ou total de forma anticipada sen custo . Respecto ós investimentos e/ou gastos computables, nesta liña poderemos imputar os mesmos conceptos por inmobilizado material e inmaterial, que na liña “Microempresa” e ademais investimentos en investigación e desenvolvemento, (persoal, materiais, colaboracións externas con institucións tecnolóxicas e outros, custos de materiais para probas e ensaios e outros custos indirectos) cun máximo do 25% do importe financiable. As condicións do préstamo son un tipo de xuro nominal anual variable por semestres naturais conforme ás seguintes normas: para o ano 2009: 2,980% e para cada un dos restantes semestres naturais, o tipo de xuro nominal será Euribor a 6 meses máis o tipo adicional de 1,5 puntos.
Para presentar unha solicitude de axuda ir a http//www.tramita.igape.es, para cuxa cumprimentación o Igape pon a disposición do interesado/a un servizo de asistencia técnica, previa cita, que se pode xestionar neste enderezo ou ben chamando ao 902-300903 ou 981-541147. Fonte: Igape
|