Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

Día do Cooperativismo Galego en Ribadeo

Preto de 1.200 persoas celebrarán o vindeiro sábado o Día do Cooperativismo Galego 2008 en Ribadeo

  • Coincidindo co Día Internacional do Cooperativismo, o Consello Galego de Cooperativas (Cogaco) acordou celebrar a festa autonómica do cooperativismo o 5 de xullo na cooperativa Os Irmandiños
  • A Consellería de Traballo repartirá 26.500 euros en premios e 16.000 euros en material audiovisual, entre os galardoados na edición dos premios convocados polo Cogaco

Santiago, 1 de xullo de 2007.- Preto de 1.200 persoas procedentes de toda a xeografía da Comunidade Autónoma celebrarán o vindeiro sábado día 5 de xullo o Día do Cooperativismo Galego 2008 en Ribadeo (Lugo). Este é o terceiro ano consecutivo no que a celebración galega coincide co Día Internacional do Cooperativismo. Esta data foi acordada no seo do Consello Galego de Cooperativas (Cogaco), entidade que preside o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela.

Nesta edición, o lema que preside os actos de celebración é Cooperación+innovación=desenvolvemento sostible, unha idea que define parte da filosofía da economía social e do movemento cooperativo. O lema escollido para a cita deste ano pon en primeiro plano a necesidade de progresar no desenvolvemento económico e social, baixo o prisma da sustentabilidade. O futuro que se aveciña require facer un esforzo cada vez maior para poñer en valor os recursos humanos e materiais para satisfacer as necesidades actuais. Ao mesmo tempo, ese esforzo non debe dar as costas ao día de mañá, nin comprometer a capacidade das xeracións futuras para atender as súas propias.

Cómpre destacar que a finalidade desta celebración é reivindicar a cultura e o movemento cooperativo, ademais de loar o traballo e os esforzos dos seus traballadores. Asemade, esta é a terceira vez consecutiva que os actos se desenvolverán nas instalacións dunha cooperativa, xa que constitúe un modo para favorecer o coñecemento entre as persoas que conforman parte do movemento cooperativo e achegar a celebración deste día aos seus auténticos destinatarios.

A cooperativa Os Irmandiños, S. Coop. Galega de Ribadeo, acollerá os actos que se organizarán para conmemorar o Día do Cooperativismo Galego 2008. Así, a partir das 11,30 horas da mañá achegaranse ata esta entidade membros de diversos sectores do eido cooperativo e distintas autoridades coa finalidade de destacar e promover a importancia da celebración do día do cooperativismo en Galicia.

Un dos pratos fortes deste día será a entrega dos galardóns dos premios que cada ano convoca o Cogaco ás persoas e entidades participantes nesta edición. En total, a Consellería de Traballo repartirá 26.500 euros en premios e 16.000 euros en material escolar.

Ademais dos actos de carácter institucional, ao longo da tarde tamén se celebrará unha serie de actividades dirixidas tanto aos maiores como aos nenos, diversos xogos cooperativos, a exposición de todos os traballos participantes nos concursos, así como visitas á escola cooperativa móbil. Cómpre destacar que esta cooperativa cede dunha maneira totalmente desinteresada as súas instalacións para levar a cabo os actos de conmemoración deste día.

O impulso ao cooperativismo
O fomento e o impulso do cooperativismo representa un obxectivo básico e fundamental para a Consellería de Traballo, xa que a fórmula cooperativa é unha opción válida para garantir emprego estable e de calidade. Nese senso, é necesario promocionar e potenciar a formación cooperativa, por todos os ámbitos sociais e dende os primeiros niveis do sistema educativo.

Deste xeito, mostrarase que o cooperativismo contribúe a dotar de instrumentos de autoemprego e colaboración empresarial a todas as persoas que están chamadas a formar parte da poboación ocupada de Galicia.

Chúzao | del.icio.us