ESCOLA OBRADOIRO PAZO DA MISERICORDIA
Os programas de Escolas Obradoiro, Casas de Oficios e Obradoiros de Emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas, mediante a realización de obras ou servizos de interese xeral e social que lle posibiliten ao alumnado traballador a realización dun traballo efectivo que procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa inserción laboral.
As Escolas Obradoiro son unidades de carácter temporal onde se alterna a aprendizaxe co traballo produtivo en actividades relacionadas coa recuperación do Patrimonio histórico, artístico, cultural ou natural; coa rehabilitación de contornos urbanos ou do ambiente, coa recuperación e acondicionamento de infraestructuras de titularidade pública que sirvan de base para os centros de iniciativas empresariais.
Os destinatarios son mozos e mozas menores de vinte e cinco anos inscritos como demandantes de emprego no servizo público de emprego.
Actualmente estase a desenvolver no Concello de Viveiro a “ Escola Obradoiro Pazo da Misericordia” cunha duración de 18 meses. Consta de dúas etapas; a primeira de carácter formativo ou de iniciación e a outra de formación en alternancia co traballo ou a práctica profesional na que se formalizará un contrato para a formación, polo que se deben reunir os requisitos establecidos no artigo 11.2º do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.Esta parte terá unha duración de 12 meses e vai dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.
As tres especialidades formativas que se están a desenvolver na Escola Obradoiro Pazo da Misericordia son carpintería, xardinería e albanelería.
De xeito complementario á formación nunha determinada especialidade impártese formación en Prevención de Riscos Laborais, Orientación Profesional, Informática e Educación Compensatoria para aqueles alumnos que non posúan o título de ensino secundario obrigatorio(ESO).
Preténdese un dobre obxectivo no tocante á formación dos alumnos.
-
Acadar unha capacitación profesional que posibilite o acceso ao mercado de traballo sendo posuidores dunha competencia profesional nunha das tres especialidades que se imparten na Escola Obradoiro.
-
Acadar un desenvolvemento integral da persoa paliando déficits formativos e proporcinando unha alternativa real á formación dentro do sistema educativo regrado.

Chúzao
del.icio.us

